Thursday 02 de May de 2024

O Partido Popular de Arzúa solicita un cambio de política das últimas décadas, nas que os vindeiros concelleiros foron responsables en diferentes mandatos.


• Espera un reparto de áreas semellante ao acordado en fase de negociación con Alternativa por Arzúa

• Advirten que o novo goberno debe ser consciente da súa diversidade política, a pesares de presentarse como un tripartito de esquerdas

O Partido Popular, vencedor nas pasadas eleccións municipais, con seis concelleiros, desexa un cambio de rumbo por parte do novo goberno en canto ás políticas dos últimos mandatos, se ben non espera grandes cambios, debido a que os protagonistas, os cabeza de lista do tripartito conformado por BNG, Alternativa por Arzúa (AxA) e PSOE, son os mesmos dende hai anos.
Cumprida unha semana dende a constitución do novo goberno, o pasado 17 de xuño, aínda está a esperar o Partido Popular a conformación da nova estrutura, da que unicamente se coñece o alcalde.
Foi esta designación unha sorpresa non so para o Partido Popular, senón mesmo para parte do equipo de Alternativa por Arzúa, que descoñecía que o seu cabeza de lista ía apoiar ao BNG co seu candidato. O BNG, a última hora da tarde do venres 16 daba por feito que non habería un tripartito, pois AxA non aceptaba nin a oferta do BNG nin a realizada polo Partido Popular.
Dende o Partido Popular temos que indicar que dende a mesma noite das eleccións realizamos ofrecementos ao resto de partidos para conformar un goberno encabezado polos populares. O BNG declinou a nosa oferta. O PSOE non chegou a sentarse nunha reunión formal para estudar as condicións, algo que si fixo AxA, e á que aceptamos as condicións que esta impuxo, tanto en reparto de concellerías, como dedicacións e persoal de confianza. Sen embargo, nunha chegou a producirse unha reunión definitiva para pechar o acordo.
Por ese motivo, e sabendo de antemán ao pleno que non habería un tripartito, non entendemos que pacto oculto lle levou a cambiar de idea nos últimos minutos, de forma unilateral e persoal ao anterior alcalde, José Luís García, para non votarse a si mesmo e apoiar ao BNG, traizoando así aos seus propios compañeiros.
Rafael Rivadulla, voceiro do grupo municipal, augura tensións no tripartito pois “se até agora o anterior alcalde e o novo tiñan inimizade manifesta, algo que puidemos comprobar mesmo durante os plenos, non cremos que da noite para a mañá se converta nunha relación cordial e fluída, e se engadimos que AxA e PSOE chegan con roturas internas, o escenario non é esperanzador”.
Advirte igualmente que –“a veciñanza de Arzúa votou masivamente por un cambio, e se o cambio o conforman as mesmas caras de sempre, pero con roles diferentes, non será suficiente para cumprir coa demanda dos votantes, que poden sentirse tratados coma monicreques”.
Ademais, para Rivadulla, “presentar por parte do BNG e PSOE o tripartito como un goberno de esquerdas, algo que parece asumen dende AxA, a pesares de presentarse sempre como un partido sen inclinación política, sería non darse conta que parte dos votos de AxA non desexan esa deriva”.